Tempo de castañas

castaña_col1.jpg
photo_camera castaña_col1.jpg

Xurdiu entre amigos e converteuse xa nun referente dentro da provincia de Lugo. A Asociación de Amigos e Veciños de Lóuzara organiza desde hai doce anos unha festa na que a protagonista absoluta é a castaña.

Asadas e acompañadas de touciño entrefebrado, pan e viño, as castañas farán este sábdo as delicias dos centos de visitantes que se esperan por estas terras de Samos, en Paredes de Lóuzara. ''Por só 3,50 euros, que é o que custa unha xerra que encargamos para a festa, poderanse comer as castañas que se queiran xunto co touciño, o pan e o viño'', afirma José López Celeiro, propietario da parrillada Paredes e organizador da festa.

O feito de que sexa unha hostaleira a alma máter deste evento non foi óbice para que o seu restaurante acollese unhas xornadas gastronómicas dedicadas á castaña. Principalmente por un motivo: para elaborar distintos pratos con este froito seco ten que facerse coa castaña pilonga, a seca.

En caso de comprala, adoita empregar a castaña na cociña do seu establecemento como substituta dos 'cachelos', por exemplo, e acompañando a uns chourizos, un lacón e unhas nabizas. É dicir, nun cocido. Outros dos pratos que tamén admiten unhas castañas como guarnición son os elaborados con carne de caza, así como moitos doces, especialidades que tamén se serviron nalgunha ocasión na parrillada Paredes.

Programa
Pero este sábado, en Paredes de Lóuzara, degustaranse exclusivamente castañas asadas. En total, serán 400 quilos deste froito, recollidos das árbores da zona, os que se poderán degustar tras ser preparados en tres asadoras instaladas no recinto para tal fin.

Ademais da degustación, a festa —que comezará á unha da tarde coa celebración dunha misa e a lectura do pregón a cargo da profesora Ana María Vergara Rodríguez— acollerá algunhas das fases do proceso de preparación culinaria das castañas, como son a pisa e o 'bandoxo', que consiste en limpalas a man para separar a 'puxa' —a capa de dentro e a de fóra— e as 'picois' —as pequenas, de pouco valor, con fendeduras ou cun verme chamado popularmente 'coco'—.

Outra forma de facer o 'bandoxo' consiste en meter as castañas en sacos e darlles golpes ou pisalas, o que tamén se chama 'face-la bulla'. En Paredes de Lóuzara, o 'bandoxo' farase cunha especie de bandexa de madeira aberta polos lados.

Para que unhas castañas asadas estean no seu punto é necesario telas ao lume tres cuartos de hora. Segundo José López Celeiro, o asado debe ser lento. ''Se as apuras, quéimalas por fóra e quedan crúas por dentro'', asegura. Para degustar as castañas asadas de Paredes de Lóuzara, a organización ofrecerá 200 litros de viño ribeiro.

Aínda que nesta localidade do municipio de Samos hai un gran número de castiñeiros, a produción este ano foi inferior á de edicións anteriores, segundo conta José López Celeiro, pola meteoroloxía dos últimos meses. ''A castaña pide arder en agosto e beber en setembro e este ano foi ao revés: choveu en agosto e fixo sol o mes pasado'', sinala este hostaleiro.

Comentarios