Tres feridos por mor dunha colisión frontal en Santiago

Os bombeiros tiveron que rescatar a un dos ocupantes, atrapado no interior dun dos coches implicados

Dous turismos chocaron frontalmente no Polígono Costa Vella, en Santiago de Compostela,  segundo informou o 112. O golpe provocou feridas importantes a tres persoas, que foron trasladadas ao Hospital Clínico. Ademais, os bombeiros da cidade tiveron que rescatar a un dos ocupantes atrapado no interior nun dos coches implicados.

Segundo relataron os efectivos de urxencias, como consecuencia do impacto, un dos vehículos chocou contra un poste da luz, que, a pesar dos danos, mantense en pé. O persoal do 112 Galicia activou o operativo logo de recibir varias chamadas de persoas particulares.

Ademais dos bombeiros, desprazouse ata o lugar do sinistro un helicóptero medicalizado con base en Santiago e as forzas da orde. 

CHOQUE EN CARBALLO. Por outra banda, en Carballo, outras dúas persoas necesitaron asistencia médica logo de verse implicadas nun choque entre dous turismos na AC-552. Desde o Centro de Atención ás Urxencias de Galicia informouse a bombeiros e a axentes de seguridade. 

 

Comentarios