Tres feridos en dúas saídas de vía rexistradas en Porqueira e Cerceda

Os accidentes tiveron lugar na mañá deste domingo e a noite do sábado

Tres persoas resultaron feridas en dúas saídas de vía no municipio ourensán de Porqueira e o coruñés de Cerceda.

No primeiro caso, unha muller resultou ferida o sufrir unha saída da vía co coche no que circulaba. A vítima quedou atrapada no interior do vehículo e tivo que ser excarcerada polos efectivos de urxencia mobilizados.

O sinistro produciuse na estrada que enlaza Xinzo de Limia con Bande, á altura de Faramontaos e foi unha persoa particular a que deu conta dos feitos ao 112 Galicia ás 7:50 horas deste domingo.

Acto seguido, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias do 112 alertouse ao 061-Urxencias Sanitarias e aos Bombeiros de Xinzo, que se desprazaron ata o punto cun equipo de excarceración. Ademais, tamén se informou a Protección Civil e á Garda Civil de Tráfico.

DOUS FERIDOS EN CERCEDA. No segundo caso, unha saída de vía rexistrada en Cerceda saldouse con dúas persoas feridas. En concreto, o sinistro tivo lugar nunha recta da estrada que une a localidade coa Silva, á altura de San Vicenzo.

O 112 Galicia tivo coñecemento do accidente ás 20:20 horas do sábado a través dun aviso do 061-Urxencias Sanitarias. Pola súa banda, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias do 112, informouse aos Bombeiros de Ordes, a Protección Civil e á Garda Civil de Tráfico.

Comentarios