Un alcalde entre fogóns

Un dos papeis que debe desempeñar un alcalde, á parte de gobernar un pobo, é o de saber promocionar o mesmo, exaltando todas as súas potencialidades, produtos e lugares emblemáticos. A ocasión para facelo pódese presentar de múltiples formas, desde discursos de inauguración a diversos eventos. Incluso, pode ser que haxa que facelo enfundado nun delantal e entre fogóns.

Isto é o que tivo facer onte o rexedor de Vilalba, o popular Gerardo Criado, quen, afeito exaltar sempre que ten oportunidade o capón e o queixo de San Simón, como embaixadores por todo o mundo do municipio, puido facer gala dos seus coñecementos culinarios e presumir da gastronomía vilalbesa, participando na gravación do programa de televisión ‘Hoy cocina el alcalde', da emisora Canal Cocina.

Criado subiuse ao estudio-caravana deste espazo culinario para elaborar ante as cámaras a súa proposta de Solombo da Chaira, acompañado con cogomelos, grelos e patacas de Vilalba e unha salsa con base de queixo de San Simón.

«É de agradecer que un programa de nivel nacional promocione a gastronomía do noso concello. Dixéronme que tiña que preparar un prato e eu, recollendo a tradición e para promocionar os nosos produtos, decidinme por esta receita, aconsellado por mulleres da miña familia», explicou Gerardo Criado, que recoñeceu sen andrómenas que en casa cociña «moi pouco».

A gravación tivo lugar na Praza da Constitución e foi aberta ao público. De feito, xerou moita expectación e eran moitos os que presenciaron como o alcalde elaboraba a súa proposta de preparar o solombo ao máis puro estilo vilalbés.

Criado explicou á presentadora do programa ‘Hoy cocina el alcalde', Begoña Tormo, a calidade dos produtos gastronómicos de Vilalba, a gran maioría caseiros ou de produción propia, como as patacas que levou o rexedor para elaborar o seu prato. «Empeñouse en traer as súas porque non se fiaba», dixo entre risas Tormo.

A emisión do programa está prevista para a primeira semana de novembro. Nel, ademais, poderase ver tamén a Gerardo Criado e Begoña Tormo de ruta polo municipio, visitando a unha criadora de capóns, unha quesería de San Simón e o Parador.

Éste foi o primeiro que gravou a canle neste estudio móbil e, co alcalde vilalbés, son 26 os mandatarios de pobos e cidades de toda España que se puxeron o delantal no Canal Cocina.

Comentarios