Un namorado da cociña

Naveira, en el bar de su familia, en Ponferrada (Foto: AMA)
photo_camera Naveira, en el bar de su familia, en Ponferrada (Foto: AMA)

O alumno Samuel Naveira, que cursa segundo ano do ciclo medio de Cociña e Gastronomía no instituto de Foz, situouse entre os mellores cociñeiros de croquetas do país cunha proposta doce elaborada con pera de conferencia e corazón de redución de Mencía para o Primeiro Concurso Nacional de Croquetas, que tivo lugar en Ponferrada e no que participaron representantes dun total de 31 establecementos de todo o país.

Os concursantes debían elaborar tres tipos de croquetas, nas modalidades clásica, moderna e doce, e empregar algún produto con denominación de orixe do Bierzo. Samuel, que participou a través do bar Universal da súa familia, competiu coas de xamón ibérico, tinta de lura e pera con corazón de Mencía, que tamén presentou cunha rejilla de caramelo de comiño..

O estudante, natural de Ponferrada, realiza no hotel Praza desa localidade o seu período de prácticas, que concluirá o próximo 18 de xuño e do que efectúa un seguimento o profesor de Cociña, Jesús Liste, quen apunta que a escola de hostalería focense cada vez ten máis alumnos da zona do Bierzo, que acoden «pola boca a boca e animados porque A Mariña ten praia». Iso fai que moitas familias terminen por veranear na Costa lucense.

Samuel Naveira asegura que desde que anunciaron o seu nome xa non se decatou de nada máis. «Non mo cría, porque o gañador da clásica é xa todo un mestre, que estivo a dar cursos na India, mentres que o vencedor da moderna incluso traballou no hotel Ritz de París», dixo.

O galardoado explica que a organización lles asignaba un número e cando lles tocaba tiñan que presentar a súa proposta nunha mesa, que despois lles levaban aos xuíces, que estaban noutra sala separada, polo que non presenciaban a elaboración.

FUTURO

O mozo, xa co premio asumido e cheo de satisfacción, pretende «seguir esforzándose, porque isto é só un pequeno paso e queda moito por diante». Samuel recoñece que a emoción lle puido: «Como nin mo cría, collín todo o que me deron». Os obsequios consistiron nunha placa, un libro de repostería, unha caixa fornecida de tés da Leonesa e un diploma da Castaña do Bierzo.

O éxito obtido no concurso produciulle moita alegría. «Gustoume moito, viñeron felicitarme todos e preguntáronme como o fixo, é gratificante». De momento, a distinción xa lle carrexou máis traballo, porque moitos clientes do bar familiar que non probaron as súas croquetas solicitáronas e onte estaba enfaenado elaborando masa para facer preto de mil, que cociñará hoxe.

O seu obxectivo agora é «acabar de formarme» e o seu maior desexo consiste en triunfar no que é a súa paixón, a cociña, «que me encanta», aínda que asume que para iso «tamén hai que sufrir», pero xa pensa en alguén que lle poida ensinar pratos de vangarda. Ganas non lle faltan e avisa de que vai pór todo o empeño».

Samuel recoñece que sempre foi un pouco «vago, pero atopei o que me gusta». O novo estudante cre ademais que o premio lle pode abrir portas, porque «é o resultado da valoración duns profesionais».

O mozo, natural de Ponferrada, cre que obter este galardón pódelle abrir portas

Comentarios