Unha firma fará no CEI de Lugo menús degustación coas súas salsas gourmet

A empresa Conffeti, posta en marcha nos viveiros do Concello de Lugo por dúas irmás lucense, anunciou onte que organizará nas súas instalacións do CEI Nodus menús degustación cos que dar a coñecer as salsas gourmet que elabora e que xa comercializa en varias provincias españolas.

As dúas irmás, Elena e Belén Fernández López, que por agora compoñen todo o persoal desta empresa, explicaron que se decidiron a pór en marcha este proxecto porque «como consumidoras atopabamos un baleiro neste tipo de salsas e guarnicións gourmet que se utilizan para salvar un prato».

As donas de Conffeti xa conseguiron introducir os seus produtos en nove tendas de Barcelona, Castela e León, Asturias e Lugo, mentres que están a negociar cun importante distribuidor para situarse no mercado dos produtos de calidade, que cada vez ten unha maior expansión.

Belén Fernández explicou que nas salsas e guarnicións gourmet, que preparan nas propias instalacións do CEI, utilizan «produtos selectos» de Galicia e O Bierzo, como castañas ou acirras, e engadiu que as realizan cunha «coidada elaboración» e moita man de obra».

O ÉXITO DO CEI

A iniciativa foi dada a coñecer onte na casa consistorial polas súas dúas promotoras, así como pola concelleira de economía, Sonia Méndez, quen explicou que esta presentación era a primeira dunha serie coa que se pretende dar a coñecer os proxectos empresariais xurdidos no viveiro de empresas que ten o Concello no antigo cuartel de Garabolos.

«Son moitas as iniciativas novas e parece moi importante dalas a coñecer polo seu carácter innovador e porque son un instrumento para crear emprego», comentou a concelleira de economía, quen explicou que desde a creación do viveiro do CEI Nodus puxéronse en marcha 58 firmas, das que 30 seguen aínda instaladas no vello cuartel. Ademais, Méndez destacou que o centro de empresas non só é un lugar para que os emprendedores poidan alugar a un prezo vantaxoso un local, senón que o seu equipo técnico tamén lles ofrece asesoría sobre subvencións e elabóralles plans de negocio.

Precisamente, a amplitude do local do que dispoñen as creadoras de Conffeti é o que lles levou a organizar os menús degustación, onde se poderán probar os produtos que elaboran sobre unha base de viño tanto para acompañar primeiros, segundos pratos ou sobremesas.

Comentarios