Unha raza única na Terra Chá

Dous gandeiros chairegos, Javier Paz e Daniel Otero, criadores de blonde de Aquitania, estarán presentes os días 5 e 6 de outubro en Expolugo para dar a coñecer esta peculiar raza vacuna que ten as súas orixes no suroeste de Francia.

a comarca da Terra Chá caracterízase, entre moitas e variadas cousas, por ser unha potencia na cría de vacún a nivel nacional. As decenas de explotacións gandeiras que enchen a planicie da comarca contan, agora tamén, cunha nova e interesante raza: a blonde de Aquitania.

A chegada á Chaira de exemplares desta especie débese a gran aposta levada a cabo hai preto de 20 anos pola gandería Casamado de Goiriz (Vilalba), e ao esforzo depositado dende o último ano por outro produtor chairego, Daniel Otero, de Ameixeiras de Labrada (Guitiriz), que se decidiron a criar esta raza pura, de orixe francesa, que conta cunhas excelentes características morfolóxicas, xenéticas e de produtividade.

Dentro deste proxecto de cría único na comarca, e coincidindo coas celebración das festas do San Froilán na capital lucense, os dous gandeiros desprazaranse con varios animais a Expolugo -os días 5 e 6 de outubro- co obxectivo de dar a coñecer esta curiosa raza coa que traballan intensamente nas súas explotacións.

«Decidimos acudir a Expolugo porque cremos que é interesante que outros gandeiros coñezan as características singulares dunha raza que ofrece unha alta produtividade e rendibilidade económica», sinala Javier Paz, propietario da explotación vilalbesa.

Ambos criadores pertencen á Asociación Blonde de Aquitania Galega (Abaga) -integrada na Confederación Nacional de Criadores de la Raza Blonde de Aquitania (Conaba) dende o 2009, e que na actualidade ten máis de 400 reprodutores inscritos na árbore xenealóxica-, e contan nas súas explotacións con preto de cen exemplares desta raza única cun alto valor xenético.

«A clave do éxito radica fundamentalmente no traballo diario e na mellora da xenética, polo que tentamos viaxar regularmente a Francia -lugar de orixe desta raza- e traballar cóbado con cóbado con Jean Pierre Delpech, mestre galo da blonde de Aquitania», precisa Daniel Otero.

Casamado e Ameixeiras contan nos seus pastos, tal e como apuntan os seus propietarios, con «exemplares fillos de grandes mitos en Francia», famosos por acadar os primeiros postos nos concursos desta raza pouco común aínda en Galicia, pero que «está gozando dunha gran aceptación e un notable éxito».

Este feito fai que o gando dispoñible á venda nas explotacións chairegas conte cun destacado valor xenético, probado e constatado polos xuíces da asociación nacional que se encargan de valorar diferentes variables como o desenvolvemento esquelético e muscular ou o carácter racial dos exemplares.

PECULIARIDADES

A blonde de Aquitania é unha raza cárnica de gran desenvolvemento corporal, caracterizada polo equilibrio do seu amplo esquelete, sobre o que se insertan músculos fortes e mestos.

Entre outras das súas peculiaridades destaca a boa fertilidade, a facilidade de parto, a lonxevidade e a capacidade para adaptarse a diversos medios de produción, clima e orografía, posibilitando a súa pureza, así como o cruce industrial coas distintas razas autóctonas dos lugares nos que habita.

ORIXE
Resultado dunha fusión a tres

A blonde de Aquitania procede da rexión suroeste de Francia que leva o seu nome. Trátase dunha raza de orixe recente cuxo nacemento é froito dunha fusión das razas garonesa, quercy e blonde dos Pirineos, a principios dos anos 60. As garonesa e quercy achegan o seu potencial de crecemento, xa que se trata de animais de traballo, mentres que a blonde engade rusticidade e caracteres maternais, posto que son femias moi criadoras e leiteiras. De feito, case o 93% das vacas inseminadas chegan a quedar en estado.

Docilidade

Grazas á súa docilidade aliméntase e metaboliza mellor que outras razas, o que se traduce en lonxevidade e nuns índices de conversión moi elevados e importantes ganancias de peso diarias. Non é estraño ver touros ou vacas desta raza de máis de 15 anos, mentres que o seu peso chega a situarse entre os 1.300 e os 1.500 quilos, nos adultos macho, e entre 850 e 1.100 nas femias. Os tenreiros chegan aos 400 quilos en canal con só dez ou once meses.

Expansión

Dende a súa creación, a mediados do século XX, a blonde de Aquitania estendeuse por todo o mundo. É a terceira raza francesa en importancia e está presente en máis de 200 países con climatoloxías e orografías moi dispares. En Galicia aínda se están a dar os primeiros pasos, pero os seus criadores augúranlle grandes éxitos.

Comentarios