Uns non pican e outros tampouco

F:GALGASFOTOSGALICIA GASTRONOMICAPIMIENTOSINTERIOR_ARNOIA.jpg
photo_camera F:GALGASFOTOSGALICIA GASTRONOMICAPIMIENTOSINTERIOR_ARNOIA.jpg

Investigadores da Consellería do Medio Rural da Xunta rexistraron a variedade Entenza, o primeiro pemento de Padrón que non pica, conseguido tras un laborioso proceso de selección, segundo informa este Departamento.

Nestes momentos, os técnicos están a traballar na eliminación do picor da variedade lucense Mougán, aínda que non é este o seu único reto. O equipo investigador iniciou este ano un novo estudo no que está a analizar o nivel de capsicionoides, as substancias responsables do picor, que son necesarias para que o consumidor sexa quen de detectalo. Pretenden dispor, no futuro, dun método que lle permita ao agricultor coñecer, tras a análise do nivel de capsicinoides nun estado temperán de desenvolvemento do froito, se as súas plantas van xerar ou non pementos picantes. De non ser excesivos os niveis, poderían adoptar a tempo as medidas necesarias para corrixilo (mediante rego, unha idónea ventilación e abonado ou evitando a excesiva maduración do froito).

Tras ser caracterizados os pementos en anos anteriores polos seus trazos morfolóxicos, agronómicos e xenéticos, a investigación actual pretende definir as diferentes variedades de pementos galegos en función do nivel de capsicinoides que conteñan. Esta característica organoléptica é fundamental para distinguir variedades visualmente moi semellantes, como os pementos de Padrón e os do Couto, estes últimos non picantes.

Conservar e mellorar
Malia seren os pementos de Padrón os de máis sona, tanto dentro como fóra de Galicia, a nosa Comunidade destaca dentro de España pola súa riqueza en variedades, moitas delas coñecidas fundamentalmente nos mercados locais. Segundo datos achegados polas cooperativas agrícolas en 2006, o 90 por cento da produción de pementos en Galicia está conformada por variedades autóctonas, moi valoradas no mercado, o que redunda nun prezo superior ao doutras variedades foráneas, sobre todo no caso do pemento de Padrón, que en 2006 supuxo o 75 por cento da produción total desta especie.

As investigacións realizadas nos últimos anos desde o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) e o CEFEA de Salceda de Caselas, ambos os dous dependentes de Medio Rural, permitiron conservar a riqueza en xermoplasma de Galicia neste produto de horta. Nos 90, os investigadores iniciaron a selección e avance das variedades de Padrón e do Couto, orixinario este último do concello de Narón. 

Con posterioridade acometeron o mesmo proceso en diversas variedades procedentes de toda Galicia, cuxa semente reproducen e melloran ano a ano. Son o Branco Rosal, un pemento branco cultivado no sur de Pontevedra e en Portugal; o Mougán, variedade picante da provincia de Lugo; o Piñeira, pemento moi carnoso que se emprega, maduro, para asar e que é oriúndo de Ribadeo; o Arnoia e o Punxín, procedentes da comarca do Ribeiro, e o Oímbra, variedade branca cultivada fundamentalmente no concello ourensán do mesmo nome. 

Tal e como sinala José Manuel Rodríguez Bao, investigador do CEFEA de Salceda de Caselas, o avance destas variedades levouse a cabo mediante un proceso de selección masal, a partir de sucesivas autofecundacíóns das mellores prantas, e baseado en criterios como a calidade, a ausencia de picor, a produtividade, a precocidade e a adecuación das características morfolóxicas do pemento aos trazos polos que o consumidor recoñece a variedade.

Como apoio á política de avance da variabilidade xenética desta especie, a Consellería está a tramitar na actualidade o recoñecemento da Denominación de Orixe Protexida (DOP) para catro destas variedades -pemento de Herbón, do Couto, de Oímbra e de Arnoia-, un proceso para o cal se botou man, á hora de definir a identidade e diferenciación de cada un destes produtos, do traballo de caracterización realizado desde o CIAM e o CEFEA de Salceda. “As investigacións realizadas están a permitir coñecer a diversidade dos pementos galegos e incidir na súa calidade e diferenciación, características cada vez máis valoradas polos consumidores”, sinala o director xeral de Investigación, Gonzalo Flores.

A ‘enfermidade da tristeza'
Por outra banda, os investigadores de Medio Rural tamén están a experimentar diversas fórmulas para combater a coñecida como ‘enfermidade da tristeza', unha das principais patoloxías fúnxicas que afectan á produción de pementos, e tamén unha das que máis perdas causan. O primeiro síntoma, a languidez das follas, non se aprecia ata só uns días antes da morte da planta, polo que, cando a enfermidade se manifesta, xa é demasiado tarde para curala.

Ademais, a eficacia dos produtos químicos é limitada e a desinfección das parcelas adoita ser custosa e de carácter obrigatorio xa que, de non realizarse, os terreos han permanecer sen cultivo de pementos durante varios anos. Froito das súas investigacións, o equipo de especialistas de Medio Rural decidiu cruzar as variedades galegas Padrón e Couto co ‘Serrano Criollo Morelo', un tipo de chile mexicano resistente á enfermidade, e conseguiu obter dous híbridos inmunes á mesma. Na actualidade, os investigadores continúan con este proceso de avance xenético, que ten como obxectivo mellorar a súa calidade culinaria eliminando as características negativas herdadas do chile: o picor e o grosor da pel.

Pero no estudo desenvolvido por Medio Rural tamén se está loitando contra a ‘enfermidade da tristeza' desde outras frontes. Os investigadores teñen como obxectivo determinar, mediante análises moleculares, a cantidade de patóxeno necesaria para que se detecten os primeiros síntomas externos na planta, e incidir tamén na loita preventiva, mediante análises que permitan detectar canto antes a presenza do fungo. Neste sentido, están a levar a cabo mostras nas principais zonas produtoras de pementos de Galicia para detectar a presenza de dous dos principais axentes causantes da enfermidade –o P. Capsici e o P.Nicotianae- nas augas de chan e no chan, co fin de previr a súa aparición e a contaminación das plantas.

Comentarios