'Xantar', protagonista nas Azores

azores3.jpg
photo_camera azores3.jpg

A 10ª Edición de Xantar, que terá lugar en Expourense entre o día 4 e 8 de febreiro de 2009, estivo presente no Festival Gastronómico do Atlántico Norte, celebrado en Ponta Delgada, capital da illa de San Miguel das Azores.

O salón, que este ano chegaba á súa terceira edición, tivo lugar na praia das Milicias. Entre os seus obxectivos figuraba a divulgación dos pratos tradicionais de cada rexión e así cada un dos días que durou o festival destinouse á degustación dos produtos máis típicos de cada zona. Como non podía ser doutro xeito, o día 25 de xullo dedicouse especialmente a Galicia, xornada na que se presentou Xantar, “Salón Galego de Gastronomía e Turismo”.

Ao evento acudiron os principais representantes institucionais do lugar, tales como a presidenta da Cámara Municipal, o secretario de Estado de Economía o director rexional de Comercio e Industria, o presidente da Cámara de Comercio, a cónsul de Estados Unidos así como o tenente acalde de Ponta Delgada e concelleiro de Turismo.

Tamén estiveron presentes os empresarios máis representativos da illa en materia de turismo e alimentación: almacenistas de peixe, artesáns da zona, produtores de queixo e directores dos principais grupos hostaleiros.

Importante participación
No Salón Galego de Gastronomía e Turismo, Portugal é un país cunha importante participación, e por iso as principais relacións que se estableceron ao longo da xornada encamiñáronse a que Illas Azores sexa unha das próximas rexións representadas na próxima edición de Xantar.

A gastronomía destas illas caracterízase pola abundancia de gando vacún, polo que é rica en carnes, pero tamén en peixes, queixos, viños…

Entre as rexións ás que se lle brindou a oportunidade de promocionarse dentro deste festival do Atlántico destacan Alentejo e Alto Talega e Barroso, dúas colaboradoras habituais de Xantar que xa estiveron presentes no salón gastronómico galego cun restaurante.

Vínculos termais

Tamén houbo ocasión para visitar e coñecer diferentes rexións das illas,  de gran riqueza termal de orixe volcánico, e establecéronse contactos cara á celebración de Termatalia, a Feira Internacional do Turismo Termal, que o próximo 3 de outubro comezará a súa oitava edición.

Os recursos naturais cos que contan as illas son útiles para o aproveitamento da enerxía xeotérmica; no caso de San Miguel abastece o 50% das necesidades eléctricas da illa. Así, segundo o Director Rexional de Comercio e Industria do Goberno Azoriano, actualmente xa teñen en marcha novos proxectos para o avance neste sentido.

Nesta liña, mantívose unha reunión co Presidente da Cámara Municipal de Povoación, onde se atopa o coñecido Val das Furnas, a imaxe turística máis recoñecida dos Azores na que xa existe un complexo turístico cun hotel termal e un campo de golf e no que se abrirá un novo parador termal de catro estrelas en agosto.

Mananciais
Esta zona é famosa polas seus 22 mananciais de barro, sulfurosos e doutros minerais. A actividade volcánica desta zona é variada, con distintas temperaturas. Os mananciais termais teñen fama polas súas calidades terapéuticas. O val de Furnas está atravesado por dous torrentes, un frío e outro quente con alto contido en ferro e está considerado como unha das áreas hidrolóxicas de maior riqueza en Europa.

Doutra banda, na Lagoa de Furnas pódense atopar as “cociñas naturais” e facer o famoso “cozido”, un dos pratos máis populares das Azores, que se cociña deixando unha pota, hermeticamente pechada e con todos os ingredientes dentro, enterrada no chan por horas. Unha atracción turística e tradicional saída familiar para degustar unha das comidas máis populares nunha magnífica paisaxe.

Comentarios