A Fiscalía pide 5 anos de prisión para Rosa Charlín por branqueo de capitais

A sobriña do narcotraficante Manuel Charlín deberá comparecer o vindeiro martes ante a Audiencia de Pontevedra
Rosa Charlín, en el juicio por blanqueo celebrado en mayo de 2015 en la Audiencia de Pontevedra
photo_camera Rosa Charlín, en el juicio por blanqueo celebrado en mayo de 2015 en la Audiencia de Pontevedra

Unha sobriña do narcotraficante Manuel Charlín, Rosa María Charlín, deberá comparecer o vindeiro martes ante a Audiencia de Pontevedra acusada de branqueo de capitais, polo que a Fiscalía pide unha condena de cinco anos e tres meses de prisión e unha multa de 720.000 euros.

Segundo o escrito de acusación, facilitado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), a sobriña do patriarca do denominado clan dos Charlines comprou diferentes propiedades con diñeiro cuxa orixe era "presuntamente ilícita e de procedencia descoñecida".

Segundo a Fiscalía, cos rendementos declarados do seu traballo e os préstamos solicitados á muller "non lle alcanzou" a dispor do diñeiro para o capital desembolsado.

Rosa María Charlín gastou case 550.000 euros entre 1999 e 2004 na compra dunha decena de propiedades inmobiliarias, coches ou obxectos de uso persoal.

A sobriña do narcotraficante Manuel Charlín xa foi condenada a nove anos de prisión en 1995 por tráfico de drogas

De 1999 ao 2008 investiu en bens inmobles e obxectos de uso persoal "á marxe do gasto do fogar familiar", segundo o informe.

Os ingresos medios declarados pola acusada pola actividade das súas empresas de 2001 a 2008 "non foron superiores" aos 30.000 euros anuais.

En relación ás operacións de compra realizadas, que financiou en parte cun préstamo bancario, a Fiscalía calcula que hai case 244.000 euros que son de orixe ou procedencia descoñecida.

Rosa María Charlín xa foi condenada a nove anos de prisión en 1995 por tráfico de drogas pola súa relación cun alixo de mil quilos de cocaína achado no interior do buque Rand cando navegaba a 42 millas das costas portuguesas.

Ademais, a muller figura como administradora única de varias sociedades que, segundo os informes da Fiscalía, foron utilizadas polo seu ex-marido Jorge Durán, condenado en 2004 a nove anos de prisión por tráfico de drogas, para ocultar "importantes" sumas de diñeiro entre 1999 e 2004.

Comentarios