Investigada unha veciña de Pontevedra polo roubo dun cadro duns 2.000 euros

A obra, que ten a imaxe da Virxe de Guadalupe tallada en prata, foi subtraída recentemente no interior dunha vivenda da Lama

 

Cadro, coa Virxe da Guadalupe gravada en prata, que foi roubado na Lama. GARDA CIVIL
photo_camera Cadro, coa Virxe da Guadalupe gravada en prata, que foi roubado na Lama. GARDA CIVIL

A Gardia Civil investiga a unha veciña de Pontevedra polo suposto roubo dun cadro, coa imaxe en relevo da Virxe de Guadalupe tallada en prata, valorado nuns 2.000 euros, subtraído recentemente no interior dunha vivenda deshabitada no municipio da Lama. 

Segundo informou o Instituto Armado, trátase dun cadro valorado en algo máis de 2.000 euros e que se atopaba xunto con outros aveños nunha vivenda cuxo propietario reside desde hai varios anos no estranxeiro. 

O inmoble, que se atopa situado nunha parroquia do municipio da Lama, "presentaba evidentes signos de forzamento en portas e xanelas", indican as mesmas fontes, e, a falta dunha denuncia expresa por parte do seu dono, que foi quen informou da existencia do cadro, non se descarta que subtraesen máis efectos. 

O cadro foi recuperado polo Equipo de Investigación da Guardia Civil pertencente á Compañía de Pontevedra nunha tenda de antigüidades da comarca, onde supostamente o levaron dúas mulleres para unha suposta tasación. 

No marco desta liña de investigación, a Gardia Civil puido localizar e identificar á persona que o levou. Trátase dunha veciña de Pontevedra de 43 anos, a quen se lle notificou a súa condición de investigada pola suposta comisión dun delito de roubo. 

As dilixencias instruídas en relación a estes feitos entregáronse ao xulgado de Instrución de garda de Pontevedra.