Eu en Galego, a comunidade virtual que fomenta a cultura galega

Na súa páxina de Facebook publícanse todo tipo de citas, refráns, imaxes e vídeos relacionados coa cultura galega
Caputura de la página de Facebook de la comunidad Eu en Galego
photo_camera Caputura de la página de Facebook de la comunidad Eu en Galego

Eu en Galego é unha orixinal comunidade virtual. Na súa páxina de Facebook publícanse refráns, citas, poemas, cancións, imaxes e calquera outra cuestión relacionada coa cultura popular da terra, que pretende promover a lingua propia, así como os costumes. Os usuarios poden compartir, achegar, relacionarse coa inmensa "colonia" do exterior e suxerir instantáneas, citas, vídeos e letras (ás veces recollidas doutros sitios) que perseguen esta mesma finalidade, na que hai moito de cooperación e compañeirismo.

Con motivo da época invernal, abundan neste momento os refráns, tales como: En febreiro, sete capas e un sombreiro; Febreiro quente, trae o demo no ventre ou Febreiro, tasqueiro, nin boa meda nin bo palleiro. Sobre o precedente, xaneiro, recórdase que Cando a Candelaria chora, xa a mitá do inverno está fóra.

Tampouco se esquece este portal da súa principal baza, a palabra, con ditos coñecidos como: A moral nace na mente e morre na palabra. Sen esquecernos de que As palabras son como as follas, cando abundan pouco froito hai entre elas, expresión que recorda o importantes e convintes que ás veces son certos silencios.

No entanto, Amor sen conversación, é como gaita sen punteiro nin roncón, un comentario con moita sorna. Do mesmo xeito que o de hoxe en día A fidelidade só se ve nos equipos de son; ou Nunca chores por un idiota, hai moitísimos máis; e Os cornos son coma os dentes, só doen cando saen.

A retranca percíbese, así mesmo, en reflexións do tipo: Un psiquiatra é a mesma persoa que che cobra polas mesmas preguntas que a túa muller che fai gratis; Máis vale unha verdade que doia, que unha mentira que ilusione ou No canto de criticarme, por que non tentas superarme?

Despois están os consellos, que se atribúen á sabedoría, do estilo de Moito fai quen non estorba (alusivo a achegar e á crítica construtiva), Nunca cambies saúde por riqueza nin liberdade por poder, o Amor a primeira vista, adoita acabarse á segunda; A vellez empeza cando un comeza a preocuparse por ela ou Quen non se embarca, non se marea (recomendación que invita a superar os medos).

Na mesma liña vai o de Son moitos máis os que se afogan nun vaso de auga que nun río, e para os que tenden a cavilar en exceso e a ter dúbidas sempre cara ao resto, non está de máis recordarlles que Un corazón desconfiado, envellece demasiado.

Ademais, os charlatáns deben saber que Quen calar non sabe, falar non debe e en tempos convulsos como os que vive na actualidade a política, imponse a observación de que Un político pensa nas vindeiras eleccións, un estadista na próxima xeración.

Todas estas consideracións, unidas a composicións como O merlo e maila merla, a vídeos como os referentes ao viño do Ulla, e a curiosidades varias, chegaron a máis de 11.000 seguidores pero a familia de Eu en Galego, páxina á que identifica unha muller labradora cun cesto de patacas, vai en aumento e entre todos cúmprese co seu labor fundacional. Non en balde, como reza unha das últimas apreciacións subidas, A esperanza é desexar que algo suceda, a fe é crer que vai suceder e a valentía é facer que suceda, como ocorreu neste caso.

Comentarios