Morre o lendario modisto Hubert de Givenchy

Foi deseñador de cabeceira de celebridades como Audrey Hepburn ou Jackie Kennedy

Hubert de Givenchy. AEP
photo_camera Hubert de Givenchy. AEP

O lendario modisto francés Hubert de Givenchy, fundador da "maison" homónima, morreu o pasado sábado aos 91 anos, informaron este luns medios franceses, que citan un comunicado da familia.

"Monsieur De Givenchy apagouse mentres durmía o sábado 10 de marzo de 2018. Os seus sobriños e sobriñas comparten a súa dor. As exequias celebraranse na máis estrita intimidade", sinala o comunicado.

A familia indicou que "en lugar de flores e coroas" o defunto "preferiría unha doazón a Unicef na súa memoria".

O creador en 1952 da marca Givenchy naceu en 1927 en Beauvais (oeste de Francia), de onde se foi a París aos 17 anos para dedicarse á que xa era entón a súa paixón.

Empezou traballando para Jacques Fath e logo sucesivamente para Robert Piguet e Lucien Lelong antes de entrar en Elsa Schiaparelli, onde rapidamente se converteu en director artístico.

Un papel fundamental na súa obra desempeñouno o seu encontro en 1953 con Audrey Hepburn, á que prestou varios modelos para a súa película Sabrina. A actriz sería en 1957 a imaxe do primeiro perfume do modisto francés, L'interdit.

Outra figura importante que marcou a súa biografía foi a do costureiro español Cristóbal Balenciaga. 

Comentarios