Os 'Smart Commerce' reparten 8.500 euros en premios na súa primeira edición

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, anima ao sector a apostar pola innovación e a creatividade

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, animou ao sector a apostar pola innovación e a creatividade para reinventar o comercio tradicional e buscar novas oportunidades de negocio que contribúan a gañar en competitividade.

Conde asistiu este xoves en Santiago á entrega dos premios da primeira edición de Smart Commerce de Galicia, na que se galardoaron as mellores iniciativas en cada provincia, e unha delas destacou como a mellor da comunidade. Ademais, foi distinguido o mellor labor en comercio electrónico e a estratexia máis eficaz en redes sociais.

Na súa intervención, o conselleiro animou ao sector a seguir o exemplo dos premiados. Neste sentido, resaltou que os gañadores certifican que o comercio galego está "máis vivo que nunca" e erixiuno nun sector estratéxico nunha etapa que cualificou de consolidación da recuperación económica.

PREMIADOS. Nesta primeira edición, os Smart Commerce repartiron 8.500 euros en premios. Na categoría E-Commerce premiouse o esforzo de Xiro Atlantic Denim, de Moaña, para vender produtos a través de internet. Na modalidade Social-Commerce, o galardón á mellor estratexia en redes sociais foi para a start-up Carla López Bags.

A nivel provincial, o xurado recoñeceu a Serra Alimentación por Lugo, Ciento-Siete por Ourense, Krack Zapaterías por Pontevedra e ao establecemento coruñés de cosmética orgánica Lily & White, que tamén foi premiado como o mellor de Galicia.

O conselleiro, que agradeceu a participación dunha trintena de iniciativas, valorou que os premiados apostan por ofrecer produtos cun valor engadido sen esquecer as raíces. "Teñen identidade propia, ofrecen produtos de calidade e impulsan o emprego das tecnoloxías de última xeración; ingredientes necesarios para que o comercio galego gañe en competitividade e sexa máis internacional", remachou.

Comentarios