Absoltos dous acusados porque a Policía vixiounos con prismáticos sen permiso

O Tribunal Supremo considera que foi unha vulneración da inviolabilidade da súa vivenda

O Tribunal Supremo absolveu a dous acusados de narcotráfico porque as probas contra eles baseábanse na observación do interior do seu domicilio por parte da Policía con prismáticos e sen autorización xudicial, o que constituíu unha vulneración da inviolabilidade da súa vivenda.

Deste xeito o alto tribunal anula as condenas a tres e catro anos por tráfico de haxix que a Audiencia de Ourense impuxo aos dous homes, ao considerar ilícita a principal proba de cargo. "O domicilio como recinto constitucionalmente protexido non deixa de ser domicilio cando as cortinas non se achan debidamente pechadas, como era o caso", di o Supremo respecto diso.

"Os axentes que desenvolvían o dispositivo de vixilancia subiron á planta novena" dun edificio próximo ao dos acusados e desde unha vivenda pertencente a un deles -que "presenta visión frontal co piso ocupado" polos sospeitosos- observáronos manexar os paquetes que contiñan haxix.

A observación con prismáticos desenvolvida polos axentes non contaba con autorización xudicial, o que leva ao Supremo a pronunciarse por primeira vez sobre unha vixilancia deste tipo. A protección constitucional da inviolabilidade do domicilio fronte ao uso de instrumentos ópticos que converten a distancia en proximidade non pode ser neutralizada co argumento de que o afectado non colocou obstáculos que impidan a visión desde o exterior, di ao respecto.

A expectativa de intimidade, precisa o alto tribunal tamén, non desaparece polo feito de que o titular do domicilio non reforce os elementos de exclusión asociados a calquera inmoble, pois cousa contraria debilitaría o contido mesmo do dereito protexido pola Constitución. "A protección fronte á incursión nun domicilio debe abarcar, agora máis que nunca, tanto a entrada física do intruso como a intromisión virtual", engade o tribunal, que aproveita o caso para estenderse a outras situacións similares.

"A existencia de drons, cuxa tripulación a distancia permite unha ilimitada capacidade de intromisión en recintos domiciliarios abertos é só un dos múltiples exemplos imaxinables", especifica o Supremo.

Comentarios