Acepta ano e medio de prisión por vender droga en Ourense desde unha caravana

Dispensaba cocaína e heroína. Terá que pagar ademais 1.000 euros de multa

Un home que estaba acusado de vender en Ourense cocaína e heroína desde unha caravana que tiña situada sobre a vía férrea aceptou este martes unha condena dun ano e seis meses de prisión por un delito contra a saúde pública, e iso tras o acordo alcanzado entre as partes. O Ministerio Público e a defensa chegaron a un entendemento polo que se rebaixa a condena de tres anos a un e seis meses de prisión. Ademais, as partes aceptaron o pago de mil euros de multa, fronte aos 2.500 euros que pedía inicialmente a Fiscalía.

No seu escrito inicial, o fiscal solicitaba que este home, Marcos G.N., de 33 anos, fora condenado a tres anos de prisión, con seis meses de arresto sustitutorio en caso de falta de pagamento. A Fiscalía acusábao da suposta venda de droga que realizaba o inculpado nunha caravana situada na Cuña da Cima, na cidade, sobre o túnel da vía férrea.

Esta operación desenvolveuse na mañá do 23 de xaneiro de 2015 cando axentes do grupo de estupefacientes durante un servizo de vixilancia, identificaron a unha muller toxicómana que era coñecida polos axentes e posteriormente a outras dúas persoas saíndo da caravana. O propio detido confesou o consumo de sustancias estupefacientes no interior da caravana, facéndolles entrega da sustancia que estaba predestinada á venda.

En total, foron localizadas "dez bolsiñas plásticas termo seladas" que contiñan heroína, cun peso total de 1,8 gramos e unha pureza do 43 por cento, cuxo valor no mercado supera os catrocentos euros. Ademais, entregou outra bolsiña con cocaína, cunha pureza do 77,7 por cento e un valor de 34 euros, así como diñeiro correspondente á venda de sustancias.

Durante o xuízo, o fiscal fixo alusión á condición de drogodependente do acusado e xustificou a súa rebaixa da condena atendendo a que o acusado se atopa baixo tratamento.

Comentarios