Agride a un funcionario de Sada tras pedir que derruben unha construción

O home acudiu co seu avogado para falar da legalidade da obra

Un home residente na localidade coruñesa de Sada agrediu este xoves a un funcionario municipal da área de Urbanismo tras solicitar a derriba dunha construción que non era legal, informaron fontes municipais. A agresión produciuse este xoves cando despois de que o home acudise moi alterado e berrando, acompañado do seu avogado, a unha cita cun funcionario de Urbanismo para tratar de falar da legalidade da obra.

Na reunión pretendía falar da execución dunha orde de derriba da edificación, construída hai oito anos e cuxa situación irregular denunciou, segundo indica o Concello nun comunicado. O funcionario que o atendeu informouno da situación e das numerosas notificacións enviadas polo Concello pero que o home non recollía, e foi entón cando comezou a golpear ao empregado público.

O avogado que o acompañaba saíu precipitadamente das oficinas municipais e unha das compañeiras de oficina interpúxose para evitar que proseguise a agresión, que non concluíu ata a chegada de axentes da Policía Local. A vítima acudiu a un centro de saúde próximo onde foi atendida e posteriormente acudiu ás dependencias da Garda Civil de Sada para denunciar a agresión. O home é coñecido pola súa conflitividade e con numerosos antecedentes por agresións similares na comarca, segundo fontes municipais.

O alcalde de Sada, Ernesto Anido, mostrou a súa repulsa ante ese tipo de actitudes violentas, máis aínda cando se exercen contra persoas no exercicio de servidores públicos. Anido considerou que o urbanismo irresponsable do pasado xerou prexuízos, enfado e frustración, pero lamentou que desemboque nese tipo de situacións extremas condenables.

Comentarios