Tres anos de cárcere para un interno por introducir e vender droga en Teixeiro

Atoparon entre as súas roupas dous ovos 'kinder' que contenían diferentes substancias

A Sección Segunda da Audiencia Provincial da Coruña condenou a tres anos e tres meses de prisión a un interno do cárcere de Teixeiro (A Coruña) por introducir substancias estupefacientes no centro penal destinadas á venda.

O acusado José Ángel R.C., maior de idade, ingresou o día 5 de xaneiro de 2016 de maneira voluntaria no Centro Penal de Teixeiro para o cumprimento dunha condena, segundo indica a sentenza con data 7 de decembro de 2017 e feita pública este luns.

Ao día seguinte, sobre as 10:00 horas e cando aínda se atopaba como interno no módulo de ingresos do Centro Penal, José Ángel arroxou ao patio do citado módulo unha bolsa de lixo con excrementos.

Ante a sospeita de que puidese ter na súa poder substancias estupefacientes que introducise no cárcere dentro do seu corpo, os funcionarios procederon a practicar unha dilixencia de cacheo do interno, que deu como resultado a intervención entre as súas roupas de dous ovos de plástico da marca "Kinder".

No seu interior había 95 comprimidos de Alprazolam, cun peso neto de 24,58 gramos, 2 comprimidos de Metadona, cun peso neto de 0,589 gramos, un comprimido de Clorazepato dipotásico cun peso neto de 0,173 gramos e un anaco de resina de Cannabis, cun peso neto de 2,919 gramos, substancias que alcanzarían un valor total de 488,33 euros no mercado ilícito e que estaban destinadas á súa posterior distribución a terceiros internos.

José Ángel R.C. é consumidor de substancias estupefacientes desde polo menos o ano 2009, cun diagnóstico de síndrome de dependencia a opiáceos e abuso no consumo de cocaína.

Desde a súa entrada en prisión seguía un tratamento de metadona para o seu problema de adicción, sen que conste o grao exacto de afectación sobre as súas condicións intelectivas e volitivas, engade o fallo.

A Audiencia coruñesa condenou a José Ángel R.C. como autor penalmente responsable dun delito contra a saúde pública na súa modalidade de substancias que non causan grave dano á saúde, coa concorrencia da atenuante analóxica de drogadicción, ás penas de tres anos e tres meses de prisión, coa accesoria de inhabilitación especial para o dereito de sufraxios pasivo durante o tempo da condena e multa de 488,33 euros.

Así mesmo, acórdase o comiso e a destrución das substancias estupefacientes intervidas en poder do acusado.