Arde un bar en Betanzos

O incendio declarouse por unha faísca por mor dunhas obras no interior do local

Un bar situado na rúa Pozo en Betanzos ardeu por completo este mércores. O incendio, que se orixinou no baixo do edificio, onde está situado o bar, tamén afectou o resto do inmoble. Víronse danadas as galerías das tres plantas.

O local comezou a arder despois de que uns obreiros, que se atopaban facendo reformas no interior do bar, provocasen unha faísca mentres traballaban.

Foi un operario o que, ás 15:50 horas, alertaba do incendio ao CAE 112 Galicia. Indicaba que todos eles se atopaban fóra do local. Un particular informaba tamén ao 112 Galicia de que podería haber dúas persoas maiores na primeira planta.

Enseguida, desde o Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia pasouse o aviso aos Bombeiros de Betanzos, á Policía Local e á Protección Civil de Betanzos, que se desprazaron ata o punto.

A dotación dos Bombeiros, ao chegar, controlou e sufocou o lume. Tras extinguir o incendio, arrefriaron e ventilaron a zona. O 112 Galicia informou o incendio, tamén, a Urxencias Médicas. Ningunha persoa viuse afectada.

Comentarios