Un golpe de mar, principal hipótese sobre o naufraxio do Sin Querer Dos

Cambados chora a morte dos seus veciños

Capilla ardiente de los tres marineros fallecidos en el pabellón de O Pombal en Cambados. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Concentración en Cambados en memoria dos mariñeiros falecidos no naufraxio. J.C

A morte de catro veciños de Cambados no tráxico naufraxio do Sin Querer Dos, do que lograron salvarse seis tripulantes, varios deles de Portonovo, mantén á comarca do Salnés de loito.

ás portas do consistorio cambadés concentráronse este xoves unhas 1.500 persoas en memoria dos seus veciños falecidos: Teófilo Rodríguez Galiñanes, Bernardo Padín, Manuel Serén e Guillermo Casais, aínda desaparecido oficialmente aínda que con escasas esperanzas de atopalo con vida. As bandeiras locen a media hasta e con crespóns negros. 

A principal hipótese é que un golpe de mar puido ser o causante do naufraxio

O Concello confirma que se está practicando a autopsia aos tres falecidos confirmados e a partir desta tarde serán velados de forma conxunta no pavillón do Pombal, a petición das familias. O funeral será o venres ás 16.00 horas, aínda que se podería pospor se aparece o corpo do desaparecido, e será oficiado polo arcebispo Julián Barrio.

En canto á investigación, o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, dixo que se baralla como hipótese que un golpe de mar puido ser o causante do naufraxio, aínda que será a comisión aberta para a investigación quen teña que confirmalo.

Esta primeira hipótese sae das declaracións tomadas aos sobreviventes. Crese que o golpe de mar puido facer que algunhas redes caese ata engancharse nas hélices.

Concentración en Cambados. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

LOITO EN SANXENXO. Mentres, o Concello de Sanxenxo fixo pública unha declaración institucional para mostrar "a súa solidariedade cos familiares e amigos das vítimas". Do municipio eran varios dos tripulantes, concretamente de Portonovo, que lograron salvar a súa vida. 

O funeral polos falecidos será este venres ás 16.00 horas no pavillón do Pombal

Ademais de declarar e loito oficial ata a madrugada do sábado ao domingo, o Concello tamén convocou unha concentración silenciosa ás portas da casa consistorial. 

"Un pesqueiro moi querido e coñecido por todos os veciños e veciñas da vila. Entre a súa tripulación atopábanse non momento do suceso, veciños de Portonovo, aos que esta Corporación quere enviar ánimos nestes momentos difíciles, pero, sobre todo, solidarizarse coas familias e coñecidos dos falecidos, veciños de Cambados", indica o comunicado

Silva suspende a axenda e Feijóo mostra as súas condolencias
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, decidiu suspender a súa participación nas inauguracións prevista para este xoves. Silva compareceu en Soutomaior na inauguración da mostra de traxes antigos, pero só para gardar un minuto de silencio ás 12.00 horas. Instantes despois abandonou o recinto.

O seguinte acto na axenda da presidenta, a inauguración da urbanización do IES de Soutomaior, desenvolveuse sen a súa presenza pero si coa do deputado Uxío Benítez, que aproveitou tamén para mostrar as súas condolencias.

Tamén o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, fixo o propio na rolda de prensa posterior á reunión semanal do Goberno galego.

Comentarios