Cinco persoas feridas en dous sinistros múltiples en Oroso e Santiago

No sinistro ocorrido na capital resultaron feridos dous menores

Dúas colisións múltiples rexistradas en Oroso e Santiago deixaron nas últimas horas a cinco persoas feridas, informou a central que atende a coordinación das urxencias en Galicia.

No caso do accidente ocorrido en Oroso, tres homes resultaron feridos e foron trasladados ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago. Na colisión víronse implicados tres vehículos. Un particular alertou dos feitos ao 112 Galicia minutos antes das 00.00 horas. Explicou que o accidente se produciu en Sigüeiro, na N-550.

O persoal do 112 Galicia informou a Urxencias Médicas, aos Bombeiros de Ordes, a Protección Civil e á Garda Civil de Tráfico. Os Bombeiros encargáronse de limpar a vía, sobre a que quedaron restos do sinistro.

Por outra banda, dous menores de idade resultaron feridos este venres pola tarde noutro accidente múltiple en Santiago de Compostela. Neste caso tamén se viron implicados tres vehículos. O contratempo produciuse na avenida do Restollal, no sentido de acceso á cidade. Os dous menores foron trasladados a un centro sanitario.

Un particular contactou co 112 Galicia ás 18:30 horas para alertar dos feitos. Os profesionais do CAE 112 Galicia estableceron comunicación con Urxencias Médicas. Tamén informaron aos Bombeiros de Santiago, a Protección Civil e á Policía Local.

Comentarios