Condenado un atracador na Coruña a dous anos e dous meses de cárcere e á expulsión ao seu país

O home, detido en Suecia, participou nos feitos na Coruña no ano 2011

A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña condenou este mércores a un dos atracadores da coruñesa xoiería Romeu a dous anos e dous meses de cárcere tras os que será expulsado ao seu país de orixe, Estonia. Este home detido en Suecia sentouse no banco acusado dun homicidio en grao de tentativa, delito intentado de roubo con violencia e intimidación e tenencia ilícita de armas, aínda que houbo conformidade co Ministerio Fiscal e a acusación particular.

Este home, que participou no atraco da xoiería Romeu en 2011, chegou á Audiencia agora, despois do trato ao que chegara outro dos participantes, mentres que o terceiro está nos Países Baixos á espera de ser extraditado. A Fiscalía retirou a acusación por tenencia ilícita de armas dos feitos que ocorreron na coruñesa rúa Real, pois a pistola portábaa o outro condenado.

Respecto ao delito de homicidio en grao de tentativa, por disparar mentres estaban na xoiería, rebaixou dous graos a pena e quedouse en dous anos e seis meses de prisión. Destes cumprirá un ano en territorio español e o resto será unha expulsión ao seu país coa prohibición expresa de volver a España durante cinco anos.

Respecto ao delito intentado de roubo con violencia e intimidación a pena é de dous anos e dez meses, dos que cumprirá un ano e dous meses mentres que o resto pasarao no seu país, coa prohibición de regresar a España en cinco anos. Descóntase destas penas o tempo de prisión preventiva, desde o pasado mes de xaneiro, e comprométese a pagar a responsabilidade civil ao vixiante de seguridade do establecemento, que pagará en dous prazos ata abonar 631,24 euros.

O condenado xa fora xulgado por outros dous roubos a xoierías na cidade e foi o cruzamento entre mostras de ADN o que determinou a súa participación en varios sucesos.

Comentarios