Condenado un coruñés a dous anos e catro meses por narcotráfico e resistencia

Tivo un forcexeo co axente que o perseguiu, ao que causou diversas lesións de escasa gravidade

A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña condenou a dous anos e catro meses de prisión a un coruñés que traficou con drogas e resistiuse aos axentes da Policía Nacional cando foi detido.

A sentenza do pasado 26 de xaneiro, á que tivo acceso Efe, considera probado que o agora condenado, que leva en prisión desde maio de 2015, cometeu un delito de tráfico de drogas na modalidade das sustancias que causan grave dano á saúde.

Por isto condénao a un ano e nove meses de cárcere e a unha multa de 194,75 euros, con responsabilidade penal en caso de falta de pagamento desa contía.

Engade sete meses de prisión por un delito de resistencia, que vai unido a unha indemnización de 582 euros ao axente da Policía Nacional ao que causou danos.

Os feitos xulgados arrincaron o 19 de marzo de 2015 cando o condenado foi sorprendido con heroína, a mesma sustancia que lle foi comisada o 13 de maio do mesmo ano.

Foi entón cando entrou en prisión tras ser visto vendéndoa e logo dun forcexeo co axente que o perseguiu, ao que lle causou diversas lesións de escasa gravidade, pero que non cesaron ata que chegaron os reforzos.

Comentarios