Controlan unha fuga de gas nun edificio de cinco plantas de Culleredo

A caída de cascallos da fachada seccionaron unha tubaxe. Non houbo feridos

Os servizos de urxencias controlaron unha fuga de gas que se produciu este mércores no municipio coruñés de Culleredo despois de que os cascallos que se desprenderon da fachada dun edificio seccionasen unha tubaxe.

O inmoble está habitado, pero ninguén necesitou asistencia sanitaria, segundo informa o 112. Os técnicos da empresa subministradora do gas e os Bombeiros de Arteixo están xa traballando no lugar.

Os danos producíronse nun edificio de cinco plantas situado no número 16 da Avenida de Fonteculler. Un particular informou o persoal do 112 Galicia minutos despois das seis desta tarde. Ademais dos efectivos do parque comarcal de bombeiros, desde o 112 avisouse aos axentes da Policía Local.

Comentarios