Catro detidos por contrabando de tabaco en Cabana de Bergantiños

Foron sorprendidos por unha patrulla do instituto armado cando entraban ao interior dunha nave onde gardaban 1.200 quilos de folla de tabaco seco

Axentes da Garda Civil de Laxe (A Coruña) detiveron a catro persoas, dous homes e dúas mulleres, como supostos autores dun delito de contrabando de tabaco que distribuían por internet.

Os agora detidos, de entre 25 e 44 anos e veciños de Arteixo e A Laracha, foron sorprendidos por unha patrulla do instituto armado cando trataban de entrar cunha furgoneta no interior dunha nave de Cabana de Bergantiños, na que gardaban 1.200 quilos de folla de tabaco seco.

A mercancía descuberta e a actividade que se realizaba na nave carecían de autorización ou rexistro algún, informan fontes do instituto armado.

Segundo as primeiras investigacións, os detidos distribuían picadura de tabaco a granel por internet mediante envíos de paquetería.

Ademais do tabaco, os axentes interviñeron dúas básculas, picadoras de distinto tamaño e un computador.

Os detidos, dous deles imputados hai uns meses por feitos similares, foron postos en liberdade, mentres que o material incautado quedou a disposición do Xulgado de Garda de Carballo.

Comentarios