Catro detidos por roubar nun colexio da Coruña

Os axentes atoparon aos ladróns escondidos no interior do centro. Revolveran dous despachos e colleran un computador e dous altofalantes

A Policía Nacional detivo na Coruña a catro mozos polo suposto roubo no interior dun colexio da cidade.

Os axentes recibiron unha chamada que comunicaba que saltara a alarma nun centro escolar da cidade e había xente no interior con lanternas.

Unha vez no interior do centro, observaron unha das fiestras dunha aula aberta e atoparon a catro mozos acazapados, escondidos no interior.

Ao inspeccionar o resto das instalacións, localizaron dous despachos completamente revoltos, un computador portátil nun baño e dous altofalantes e un mando a distancia no patio, encima dun banco, como preparados para levarllos.

Os axentes procederon á detención deses mozos como presuntos autores dun delito de roubo con forza en grao de tentativa.

Son catro homes de dezanove e vinte anos, un deles xa detido nunha ocasión, todos naturais da Coruña, segundo informa a Policía Nacional a través dun comunicado.

Comentarios