Detida unha nai tras agredir á súa filla por non baixar comprarlle tabaco

A muller, de 66 anos, tirou o computador ao chan e rompeu pezas de roupa e outros obxectos

Unha muller de 66 anos foi detida na Coruña por un suposto delito de ameazas e malos tratos no ámbito familiar tras agredir á súa filla porque non quixo ir comprarlle tabaco.

Os feitos ocorreron ás 16.50 horas nunha vivenda da rúa Fernando Rey, onde unha muller de 37 anos asegurou aos axentes da Policía Local que acudiron ao domicilio que a súa nai empezara a discutir con ela tras a súa negativa de baixar comprarlle tabaco, momento no que empezou a tirar o computador ao chan, o teléfono móbil, e ademais rompeu pezas de roupa e outros obxectos. A filla tamén sostivo que a súa nai a agredira cunha escoba e intentou cravarlle unhas tesoiras no costado esquerdo, onde lle fixo unha ferida.

Preguntada a nai polo sucedido, esta díxolles que a súa filla se comportaba mal e que "non podía con ela", explica a Policía local nun comunicado. A filla atopábase así mesmo en tratamento por trastorno de ansiedade e a nai sufría algún trastorno mental pero non tomaba a medicación, conclúe a mesma nota.

Comentarios