Detido por estafar 9.000 euros con documentación roubada

Un home denunciara o 1 de abril que estaba a realizar labores de repartición e alguén lle subtraeu a carteira

Axentes da Policía Nacional arrestaron en Compostela a un home por, presuntamente, estafar 9.000 euros mediante documentación roubada. Os feitos derivan dunha denuncia interposta o pasado 1 de abril na que un home manifesta que mentres se atopaba realizando labores de repartición, alguén accedera á súa furgoneta e subtraeulle a carteira, na que ademais de diñeiro levaba varias tarxetas de crédito e o seu DNI, informa a policía nun comunicado.

Semanas despois da subtracción, a vítima pon en coñecemento dos investigadores que lle subtraeron un total de 9.000 euros da súa conta bancaria e que segundo lle dixeron no seu banco, os reintegros fixéronse por portelo nunha entidade asociada á súa, nun total de 13 operacións desde principios de maio mediante cantidades que oscilaban entre os 200 e os 1.000 euros.

Así, o pasado día 23, cando os axentes se dirixen á referida entidade para realizar as xestións oportunas, decátanse de que na mesma se persoara un individuo que, facéndose pasar polo denunciante, pretendeu sacar diñeiro da súa conta unha vez máis.

Nese momento, os axentes proceden á súa identificación e detención. O individuo, que acudía sempre á mesma entidade bancaria, distinta á da conta, realizou periodicamente diversos reintegros utilizando o DNI subtraído.

Comentarios