Detido por roubar nun estanco de Arteixo armado cun coitelo

Os feitos sucederon este martes, cando o home entrou con capucha, unha bufanda e lentes de sol no establecemento

Efectivos da Garda Civil de Arteixo procederon á detención dun home pola súa participación nun roubo con violencia perpetrado nun estanco da localidade, informou o Instituto Armado nun comunicado.

Os feitos sucederon na tarde do pasado día 13 de decembro, cando un home ataviado con capucha, bufanda tubular e lentes de sol entrou nun estanco da vila arteixana e esixiu o diñeiro da caixa ameazando en todo momento cun coitelo ás dúas traballadoras que había no establecemento.

Posteriormente, sinala a nota, saltou o mostrador e tratou de facerse co diñeiro da recadación.

Inicialmente unha das mulleres accedería aos desexos do atracador pero a propietaria ao ver a situación negouse, iniciándose así un forcexeo coas dúas empregadas que finalizou co asaltante á carreira conseguindo un botín de 1.000 euros e unha das mulleres con cortes por arma branca nunha man.

Inmediatamente iniciouse un dispositivo por parte da Garda Civil de Arteixo e as investigacións practicadas conduciron á localización e identificación do autor dos feitos, procedéndose na mañá deste xoves á detención deste individuo.

O detido foi posto a disposición do xulgado de instrución de garda da Coruña este venres, decretando este o seu ingreso en prisión.

Comentarios