Detidos dous mozos de Ourense por un delito de lesións con arma branca

A Policía Nacional arresta a dous homes de 23 anos tras unha liorta na que resultaron feridas varias persoas

Membros da Policía Nacional comunicaron a detención de dous mozos de 23 anos, de Ourense, como presuntos autores dun delito de lesións durante unha liorta na que feriron de gravidade a outras persoas.

Segundo informou a Comisaría Provincial, os feitos ocorreron o pasado domingo, sobre as cinco e cuarto da madrugada, no baño dun local de lecer situado na zona de viños da cidade de Ourense.

No transcurso dunha discusión, iniciada na rúa, catro mozos golpearon a outros tres agredíndoos con arma branca.

Por mor da pelexa, dous deles resultaron feridos graves e os outros dous tiveron que ser intervidos cirurxicamente, un cun tendón seccionado nunha man e outro por un corte no abdome.

Ademais, outros dous resultaron feridos por arma branca.

Coñecidos estes feitos, o grupo de investigación da Comisaría procedeu este luns á detención de dous mozos, de 23 anos, naturais de Ourense, como presuntos autores dos feitos.

Fontes policiais indicaron que está previsto que os detidos, sen antecedentes previos, pasen este martes a disposición xudicial.

Comentarios