Detida unha menor por arroxar unha moza ás vías do metro en Barcelona

A Garda Urbana detivo á moza acusada dun delito de tentativa de homicidio

Guardia urbana. EP
photo_camera Garda urbana. EP

A Garda Urbana de Barcelona detivo unha menor que durante a madrugada de Sant Joan arroxou supostamente ás vías do tren unha moza, que puido ser rescatada polos vixiantes de seguridade antes de que chegase o convoi. Segundo informaron fontes da investigación, os feitos ocorreron cara ás 5 da madrugada do pasado 24 de xuño na estación de Urquinaona da liña 4 do metro da cidade condal.

Por motivos que se investigan, dous grupos de mozos, de catro integrantes cada un, empezaron a pelexar na plataforma, momento no que unha das rapazas, menor de idade, empuxou a outra do grupo rival á zona de vías. Os vixiantes da seguridade chegaron a tempo para sacar a muller antes de que entrase o convoi na estación.

Unha vez rescatada, os vixiantes de seguridade retiveron na estación os oito participantes na pelexa —catro deles menores de idade— e finalmente a Garda Urbana detivo a menor acusada dun delito de tentativa de homicidio. A moza quedou en mans da Oficina de Atención ao Menor, antes de que os Mossos d'Esquadra a puxesen a disposición da Fiscalía de Menores.

Pola súa banda, a moza que foi arroxada ás vías do Metro tivo que ser atendida por lesións leves, segundo as fontes.

Comentarios