Detido un mozo por causarlle unha fractura nasal a outro en Ourense

Ao principio a vítima indicou que as lesións se produciron xogando ao fútbol pero finalmente decidiu denuncialo á Policía, feito polo cal detiveron ao agresor por un delito de lesións

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Ourense detiveron a un mozo por agredir a un individuo na rúa ao que causou unha fractura nasal.

Segundo informou a Comisaría de Ourense, a Unidade de Delincuencia Especializada e Violenta da Brigada Provincial de Policía Xudicial detivo ás 9,45 horas do luns a un home como presunto autor dun delito de lesións.

Os feitos que motivaron a detención ocorreron o día 16 de outubro entre as 5.00 e 6.00 horas cando o denunciante se atopaba na rúa San Francisco sentado nun banco conversando cunha moza, a cal non coñecía de nada, e "de forma sorpresiva" un home de complexión forte e pelo moreno, dirixiuse cara a el e propinoulle unha forte puñada no nariz, segundo o relato policial.

A vítima sinalou que coñecía ao agresor de vista e achegou datos aos axentes, pero non quixo ser asistido das lesións nese momento, aínda que ao non remitirlle a dor de cabeza e ter dificultades para respirar, días despois decidiu acudir a urxencias, onde lle diagnosticaron fractura nasal.

As mesmas fontes policiais manifestaron que nese momento a vítima indicou que as lesións se produciron xogando ao fútbol, por "temor a represalias do seu agresor", pero finalmente decidiu denuncialo á Policía, feito polo cal foi detido por un delito de lesións. O detido é un home de 22 anos de idade natural de Ourense, ao que lle constan dous arrestos anteriores. Quedou en liberdade tras pasar a disposición xudicial ás 12,00 horas do luns.

Comentarios