Deteñen a seis integrantes dunha mesma familia por tráfico de drogas en Ferrol

A Policía Nacional interveu máis de tres quilos de estupefacientes, 3.000 euros, un revólver e catro vehículos

A Policía Nacional anunciou este xoves a detención de seis persoas, cinco homes e unha muller, no marco dun operativo nun punto de venda de drogas en Serantes, parroquia nos arredores de Ferrol. 

Nun comunicado, atribúe este despregamento ao seu grupo especializado en estupefacientes na cidade, que estivo apoiado por outras unidades policiais en Galicia para investigar aos "xefes" dun "grupo criminal". Sostén que non se molestaban por ocultar os beneficios obtidos a partir do tráfico de drogas, que investían na adquisición de vehículos de alta gama e outras manifestacións públicas que denotaban unha importante dispoñibilidade económica". 

Os axentes identificaron "a numerosos compradores que acudían ao asentamento para proverse de sustancias estupefacientes", que foron intervidas. No núcleo, integrado por diversas edificacións unifamiliares, adquiríase cocaína, haxix ou marihuana, entre outros produtos, polo que a Policía fala de "un auténtico 24 horas da droga". 

A Policía fala "dun auténtico 24 horas da droga"

Destaca a existencia de "dous puntos de ocultación en diferentes lugares fose do propio asentamento, onde o grupo criminal almacenaba sustancias estupefacientes para a súa posterior adulteración e venda". 

No marco da operación Altozano, o xulgado de Instrución número 3 de Ferrol tutelou estas actuacións, coas que se puido "establecer quen eran os integrantes do grupo criminal". Todos pertencían "á mesma familia" e a súa "principal actividade estaba enfocada ao tráfico de estupefacientes". 

Trátase dun "clan de etnia xitana perfectamente organizado, cunha clara repartición de funcións entre os seus compoñentes". Era "un home de avanzada idade, alleo á familia, o encargado da venda e almacenaxe da droga, tratando desta forma de reducir ao mínimo a actividade dos principais responsables para tratar de eludir calquera implicación ante unha actuación policial". 

Trátase dun "clan de etnia xitana perfectamente organizado, cunha clara repartición de funcións entre os seus compoñentes"

A acumulación de probas durante a investigación, remarca a Policía Nacional de Ferrol-Narón, recomendou "desenvolver un dispositivo tendente á detención de todos os implicados e o rexistro das súas vivendas co fin de intervir a droga que puidese ser localizada, así como diñeiro ou útiles para a venda". 

A valoración positiva do xulgado competente permitiu solicitar a correspondente autorización e celebrar unha reunión de coordinación entre unidades policiais implicadas, na que se analizou o "férreo control de seguridade" observado na zona. 

Foi este pasado martes, "á primeira hora da tarde", cando se despregou o grupo de policías, que actuaron "durante varias horas". Detiveron a seis persoas e interviñeron 1 quilogramo de haxix, 750 gramos de cocaína e 1,5 quilogramos de "sustancias adulterantes da mesma", así como 400 dose de metadona e 1 gramo de speed. Doutra banda, recolléronse 3.450 euros, un revólver, unha báscula, útiles para manipular a droga e catro vehículos. 

A comisaría cre que así "se asestou un duro golpe a este grupo organizado, que fornecía a distintos consumidores de toda a comarca de Ferrolterra". Os detidos foron postos a disposición xudicial.

Comentarios