Dous detidos por intentar estafar a un empresario con billetes tintados

A detencion dos dous homes, da Coruña e Madrid, produciuse o pasado venres aínda que non se coñeceu ata este luns

Dous homes foron detidos na Coruña como presuntos autores dun suposto delito de estafa en grao de tentativa por tratar de estafar a un empresario co timo dos billetes tintados. A detención destes dous homes, veciños da Coruña e Madrid, de 35 e 31 anos, practicouse o pasado venres, segundo informan este luns fontes da Garda Civil.

O timo frustrado comezou cando os agora detidos contactaron cun empresario dedicado á venda de cabalos de competición e simularon ser empresarios interesados na compra dunha corentena de equinos para trasladalos a Guinea. Nunha das reunións sobre a suposta compra, os estafadores fixeron unha proba na que, supostamente, converterían varios cartóns pintados de cor negra en billetes de 50 euros, utilizando uns líquidos especiais.

Ante a sospeita de que se tratase dunha estafa, o empresario denunciounos ante a Garda Civil, que montou un dispositivo de vixilancia e control no lugar onde os estafadores citaran de novo ao empresario. Neste novo encontro, os falsos empresarios pedíronlle entre 2.000 e 3.000 euros para poder facer a conversión de todo o diñeiro que necesitaban para abonar os cabalos que querían comprar e foi nese momento cando os axentes procederon á detención dos estafadores.

Na operación incautáronse de dúas cheas de cartolinas negras e unha botella que contiña o líquido co que supostamente convertían estas cartolinas en billetes. As detencións foron dirixidas desde o Xulgado de Instrución Número 8 da Coruña, cuxo titular decretou o ingreso en prisión para un dos detidos sobre o que, ademais, xa había unha orde de detención en vigor ditada por un xulgado de Madrid. O outro detido quedou en liberdade.

Comentarios