Dúas persoas detidas por venta de drogas a menores de idade en Cambre

Enfróntanse a un posible delito contra a saúde pública

A Garda Civil detivo a dous homes pola presunta venda de drogas a menores de idade no municipio coruñés de Cambre, no marco da operación Teenagers.

Os axentes do posto de Cambre actuaron contra estas dúas persoas ao considerar que cometeran supostamente un delito contra a saúde pública, na súa modalidade de tráfico de drogas.

No marco da operación Teenagers Cambre, destinada á prevención do tráfico e consumo de sustancias estupefacientes por parte dos alumnos dos centros de ensino desta localidade, realizouse unha investigación para detectar zonas nas que se comercializaba con drogas.

A través das pescudas localizouse un punto de venda no paseo marítimo de Cambre, onde os mozos acudían a comprar maioritariamente haxix, segundo detalla o Instituto Armado a través dunha nota de prensa.

Durante o rexistro superficial realizado a ambos os arrestados, no interior do seu vehículo acháronse 534 gramos de haxix en pequenas porcións e 0,6 gramos de cocaína, polo que ambos foron detidos e xa están en liberdade pendentes da instrución do caso.

Comentarios