Dous feridos nun choque entre dous camións e un coche en Sigüeiro

Os efectivos sanitarios trasladaron a unha muller a un centro hospitalario. Outra persoa recibiu asistencia médica no propio lugar da colisión

Dúas persoas resultaron feridas este mércores en Santiago nunha colisión entre dous camións e un turismo, informou o 112. O accidente produciuse na N-550, a vía que une a capital galega con Sigüeiro, á altura do cuartel da Garda Civil próximo a esa localidade.


Unha persoa particular chamou ao 112 Galicia ás 20:40 horas.

Desde o Centro de Atención ás Urxencias alertouse a Urxencias Médicas, aos Bombeiros de Santiago, a Protección Civil e á Garda Civil de Tráfico.

Os efectivos sanitarios trasladaron a unha muller a un centro hospitalario. Outra persoa recibiu asistencia médica no propio lugar da colisión.

Os efectivos mobilizados encargáronse da limpeza dunha vertedura procedente dun dos vehículos e da retirada da cabeza tractora dun dos camións. A situación quedou normalizada cara ás 23:00 horas.

Comentarios