Dous detidos por senllos casos de violencia machista na Coruña

O primeiro dos casos produciuse en plena rúa, na zona de Catro Camiños. O segundo foi no interior dunha vivenda en Monte Alto

Axentes da Policía Local da Coruña detiveron na noite do venres e na madrugada deste sábado a dous individuos por senllos casos de violencia machista acusados de agredir as súas respectivas parellas.

Segundo informaron fontes municipais, ás 1.30 horas deste sábado recibiuse unha chamada na sala do 092 que informaba sobre a discusión entre un home e dúas mulleres na vía pública na zona de Catro Camiños. Ao lugar desprazouse unha dotación da Policía Local que identificou a unha muller de 46 anos e a súa irmá de 47, ambas de nacionalidade estranxeira. A primeira informou de que acababa de ser agredida pola súa parella diante dun local de hostalería nesa zona. Posteriormente, ao marchar para a súa casa, que se atopa nas inmediacións, golpeouna de novo no portal do seu domicilio. As agresións, segundo o relato policial, recibiunas na cara. Ademais, indicou que fora agredida con anterioridade e que non denunciara pola súa situación non regulada.

A irmá foi testemuña dos feitos e engadiu que observou como o home propinou á vítima un golpe no nariz, que comezara a sangrar. Igualmente, no portal do seu domicilio deulle outro que a tirou ao chan. A parella da irmá tamén presenciou os feitos, polo que procedeu a ser identificado.

Debido ás lesións da muller agredida en nariz e cara, requiriuse a presenza dunha ambulancia do 061, que a trasladou ao centro de saúde da Casa do Mar. Aos poucos minutos presentouse no lugar o agresor, un home de 57 anos de nacionalidade española, que informou aos policías que tratou de auxiliala cando a viu no portal xa que, segundo manifestou, atopábase ebria pero alegou que en ningún momento a golpeo.

Os axentes procederon á detención do home, que foi trasladado á Casa do Mar ao manifestar que se atopaba indisposto. Posteriormente foi levado a dependencias policiais e quedou nos calabozos á espera de pasar a disposición xudicial. Foi denunciado por un suposto delito de violencia machista.

Por outra banda, ás 20.47 horas do venres unha menor alertou ao 092 de que no seu domicilio de Monte Alto a súa nai era agredida pola súa parella, polo que acudiu ao lugar unha dotación da Policía Local de paisano, que foi recibida pola alertante e a súa proxenitora "nunha actitude moi nerviosa", á que vez que pedían que levasen ao home que estaba na vivenda.

Os policías entrevistáronse coa muller agredida, que explicou que ás 20.00 horas recibiu unha chamada no seu posto de traballo da súa filla de 13 anos que lle informou de que o home estaba en casa e obrigáballe a facerlle a cea. Ao chegar a muller a casa recriminoulle ao home a súa actitude e este agarrou unha botella de cristal e fixo ademán de golpeala. A botella rompeu posiblemente ao levantala, segundo relatan as mesmas fontes, e produciuse un corte nun dedo dunha man. Posteriormente o individuo arrinconou á muller e propinoulle varios golpes na cara. Parou de golpeala cando observou que a menor chamaba á Policía.

O home manifestou aos axentes que cociñaba cando chegou a muller, que discutiu con el e propinoulle unha puñada.

No domicilio había tres menores, a de 13 anos que se atopaba moi nerviosa" e que presenciou a agresión; e outras dúas de dez e tres anos, que estaban noutra habitación no momento dos feitos.

A vítima, de 38 anos de idade, foi trasladada á Casa do Mar, desde onde a derivaron ao Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (Chuac) por unha posible fractura do nariz.

A Policía Local procedeu á detención do home de 43 anos, trasladado á Casa do Mar por unha erosión superficial no beizo superior e contusións na boneca esquerda. Posteriormente foi levado a dependencias policiais e denunciado de oficio ante o xulgado de garda por un delito de violencia de xénero.

Comentarios