Evacúan un home en helicóptero tras caer do tellado dunha vivenda

O suceso tivo lugar no municipio ourensán de Nogueira de Ramuín

O dono dunha vivenda foi evacuado este venres en helicóptero medicalizado tras resultar ferido con prognóstico reservado ao caer dun tellado dunha vivenda situada no Concello ourensán de Nogueira de Ramuín. 

Segundo informou o CAE 112, o suceso tivo lugar sobre as tres da tarde na parroquia de Vilar de Cerreda. Unha chamada dun particular alertou ao servizo de Urxencias do accidente. 

Fontes do Grupo de Urxencias Supramunicipal explicaron a Efe que o home se atopaba no tellado da casa, posiblemente revisando o estado da mesma. 

A vivenda sufriu este xoves pola noite un incendio, por causas que se descoñecen. O lume orixinado nun coche, estacionado baixo o balcón da casa propagouse e afectou a todo o exterior do inmoble. 

Ata o lugar desprazouse o helicóptero medicalizado, con base en Ourense, para atender ao home e unha vez no punto evacuouno a un centro hospitalario de referencia. 

Tamén participaron nestes operativo efectivos de Protección Civil de Nogueira de Ramuín e Garda Civil.

Comentarios