Ferido de gravidade un motorista que chocou contra un turismo en Fene

Dirixíase cara Ferrol pola ponte das Pías, segundo informaron os servizos de urxencia

Un motorista de 22 anos de idade resultou ferido de gravidade nun accidente múltiple ocorrido cando se dirixía cara Ferrol pola ponte das Pías, no termo municipal de Fene, informaron fontes do 112.

O accidente tivo lugar sobre as 21.00 horas deste luns e no mesmo, ademais do condutor da moto, tamén se viron implicados un ciclomotor e un turismo.

Segundo explicaron os Bombeiros de Ferrol ao servizo de urxencias, o condutor do ciclomotor caeu do vehículo que conducía e resultou ferido, posteriormente o coche impactou contra o ciclomotor e, para rematar, a moto contra o automóbil sinistrado.

O motorista, C.P.G., que sufriu a colisión por alcance contra o turismo, foi trasladado nunha ambulancia medicalizada, en estado grave, aos servizos de urxencias do hospital Arquitecto Marcide de Ferrol. No lugar do accidente tamén se persoaron axentes da Policía Local de Fene e da Garda Civil de Tráfico.

Comentarios