Identifican a un condutor novel que sextuplicaba a taxa de alcol en Viana

O mozo, veciño da localidade ourensá, obtivera o permiso de conducir en outubro do ano pasado

A Garda Civil da Gudiña iniciou as dilixencias oportunas tras detectar a un condutor novel, de 18 anos, que conducía en estado ebrio. O mozo, veciño de Viana do Bolo e que obtivera o permiso de conducir en outubro do ano pasado, superaba seis veces a taxa de alcol permitida.

Segundo informou nun comunicado a Comandancia de Ourense, unha patrulla que realizaba un servizo de seguridade cidadá observou ao mozo, cuxas iniciais son M.G.P, o pasado día 30 de abril, conducindo "de forma anómala" o vehículo sobre as catro da madrugada na estrada que desemboca en Vilariño de Conso.

Ante os evidentes síntomas de embriaguez, os efectivos procederon a deter o vehículo para realizarlle a proba de alcoholemia, aínda que sen éxito, debido a que o mozo non foi capaz de insuflar suficiente aire para que o etilómetro realizase a medición. Estas mesmas fontes relataron que, ante estes feitos, o mozo foi trasladado, previo consentimento, ao punto de Atención Continuada da Gudiña onde lle realizaron unha análise de sangue, que deu positivo.

En concreto, o laboratorio do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) detectou unha taxa de alcol de 2,96 gramos por litro en sangue, o que equivale a "seis veces máis da taxa permitida".

O Instituto Armado instruíu as correspondentes dilixencias. O mozo podería ser sancionado cunha contía de ata 1.000 euros e perda de seis puntos no permiso de conducir. Ademais, en caso de ser considerado un delito contra a seguridade social, isto podería carrexar penas de tres a seis meses de cárcere xunto á privación de conducir por un tempo que vai dun a catro anos.

Comentarios