Imputado por unha plantación de marihuana de 4.000 metros cadrados

A leira estaba nun inmoble deshabitado e en venda nos arredores de Santiago

Axentes da Policía Nacional imputaron, o pasado día 19, a un individuo por un suposto delito contra a saúde pública, ao terse atopado unha plantación de marihuana de máis de 4.000 metros cadrados, informaron fontes policiais. Os feitos sucederon nunha leira nos arredores da cidade, nun inmoble deshabitado e en venda, propiedade dun banco, polo que un axente da sociedade de xestión inmobiliaria informou da posibilidade de que alguén estivese a acceder ao interior da propiedade, xa que había aveños movidos do lugar.

Cando o traballador realizou unha inspección do lugar, achou dentro da vivenda e na leira contigua unha considerable cantidade de plantas dun cheiro e aspecto semellante á marihuana, polo que o denunciaron en dependencias da Policía Nacional e ao lugar acudiron axentes especializados na materia. Cando os policías chegaron ao inmoble, incautáronse de 69 plantas adultas e 18 en estado de desenvolvemento de marihuana, así como de numerosos aveños para o coidado deste tipo de cultivo.

No momento en que os axentes estaban a inspeccionar todo este material e recollendo probas para a súa posterior análise, presentouse un mozo novo, que se mostrou molesto ante os policías, posto que os mesmos vestían de paisano. Os axentes, tras identificar ao mozo e realizar xestións, imputárono pola presunta comisión dun delito contra a saúde pública.

Comentarios