Investigan a 42 persoas por vender marisco contaminado da ría de Ferrol

Trátase da primeira fase da denominada operación Raño. A Policía incautou 1.100 quilos de bivalvo

Un total de 42 persoas foron investigadas pola extracción e venda de marisco contaminado procedente da ría de Ferrol na primeira fase da denominada Operación Raño, levada a cabo pola Policía Autonómica, informa este venres a Xunta nun comunicado. Na mesma operación os axentes tamén se incautaron de 1.100 quilogramos de bivalvo e levantaron 694 actas de infracción á Lei de Pesca de Galicia.

A Policía Autonómica descubriu a existencia dunha serie de grupos organizados que se encargan da extracción ilegal de molusco nas zonas C, as que teñen unha maior carga de contaminación, na ría de Ferrol. O marisco da zona C só pode chegar ao consumidor se se trata na batea de reinstalación habilitada pola Xunta ou se pasa por unha industria de transformación.

Durante a investigación, os axentes decatáronse de que os bivalvos saían directamente da auga cara ás depuradoras, sen pasar antes polo proceso de reinstalación e, polo tanto, sen as garantías hixiénicas e sanitarias necesarias para ser comercializado. Segundo a Xunta, o marisco saía ao mercado a través da depuradora de Cambados (Pontevedra), onde os axentes procederon a comisar in fraganti a entrega dos 1.100 quilogramos de bivalvo.

Ao ser analizado, o marisco presentou un valor da bacteria E.Coli dez veces superior ao permitido pola lei. Algúns dos investigados formaban parte dos grupos organizados de extracción, mentres que os restantes se encargaban de clasificar o marisco, para depositalo momentaneamente en varios locais e posteriormente transportalo.

Doutra banda, a Policía tamén se incautou de numeroso material para a práctica ilegal do marisqueo, como vehículos, traxes de neopreno, raños ou capachos, co que se fixeron tras o rexistro de dúas vivendas e dous locais próximos á ría.

A primeira fase da operación Raño foi levada a cabo polo Equipo de Resposta Policial da Autonómica (Erpol), baixo a dirección do Xulgado de Instrución número 1 de Ferrol, e co apoio técnico da Subdirección Xeral de Gardacostas e do Instituto Tecnolóxico do Mar (Intecmar).

Comentarios