O choque de dous camións en Muxía deixa un ferido

Outra persoa sufriu lesións ao chocar o seu vehículo contra unha casa en Narón

Unha persoa resultou ferida logo do choque entre dous camións ocorrido na tarde deste xoves na localidade coruñesa de Muxía, segundo informou o CAE 112 Galicia.

O accidente tivo lugar pasadas as 17.00 horas deste xoves na entrada de Merexo, en Muxía, cando dous camións chocaron. A consecuencia do golpe, un dos condutores quedou atrapado no interior do vehículo.

Ata o lugar dos feitos desprazáronse os Bombeiros de Cee, que realizaron tarefas de excarceración para sacar ao ferido do interior do seu vehículo, que se atopaba consciente nese momento.  Tras isto, o home foi trasladado a un centro hospitalario polos servizos de Urxencias Médicas. O 112 tamén informou o incidente á Garda Civil de Tráfico e a Protección Civil de Muxía. 

CHOCA CONTRA UNHA CASA EN NARÓN. Doutra banda, un mozo resultou ferido ao saírse da vía o vehículo que conducía e chocar contra unha vivenda en Narón.

Segundo informou o 112, os feitos rexistráronse pouco antes das 15.25 horas na AC-112, á altura do punto quilométrico 5 e poucos metros despois do matadoiro de Cantalarrana.

O servizo público de urxencias comunicaba o incidente aos corpos de urxencias e ao Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento do Concello naronés. Os seus traballadores procedían á retirada do vehículo, mentres que o ferido foi trasladado en ambulancia a un centro médico. 

Comentarios