A Garda Civil intervén na Coruña 132 litros de licores sen etiquetar

O produto estaba embotellado en vidro, nalgúns casos, e en garrafas de plástico, noutros, carecendo dos selos regulamentarios de impostos especiais. Os axentes cren que a súa distribución se realizaba de forma ilegal

A Garda Civil interviu na Coruña 132 litros de licores embotellados derivados de augardente que carecían de etiquetas e precintos.

Axentes da Garda Civil adscritos ao Resgardo Fiscal culminaron esta semana unha investigación encamiñada ao control dos produtos alimenticios susceptibles de falsificación, adulteración ou distribución ilegal.

Como resultado do operativo, os gardas lograron incautarse duns 132 litros de diversos licores que se atopaban nun almacén de distribución da cidade herculina.

O produto estaba embotellado en vidro, nalgúns casos, e en garrafas de plástico, noutros, que carecían de calquera etiqueta coa que se puidese identificar o contido ou de selos regulamentarios de impostos especiais.

Os axentes pensan que a distribución dos licores se levaba a cabo de forma ilegal, informa o Instituto Armado a través dunha nota de prensa.

Os licores aprehendidos foron postos a disposición da Aduana Provincial da Coruña e ao responsable do establecemento comunicóuselle a confección dunha acta de infracción á Lei de Impostos Especiais.

Hai outra denuncia remitida a Consellería do Medio Rural e do Mar, da Xunta de Galicia, por infraccións relacionadas coa etiquetaxe e a distribución de produtos sometidos a control técnico, sanitario e alimentario. 

Comentarios