Outras tres persoas detidas en Ourense por roubos de reses de gando

Súmanse a outros cinco arrestados este martes, que quedaron en liberdade con cargos tras ser postos a disposición xudicial no xulgado de garda de Xinzo

Outras tres persoas foron detidas e unha cuarta imputada no marco da denominada operación Vitela pola súa presunta relación co roubo de cabezas de gando en varias explotacións situadas na provincia de Ourense.

Aos cinco arrestados este martes en Xinzo de Limia e Portugal, sumáronse hoxe mércores outras tres detencións e unha cuarta persoa imputada, dentro da operación Vitela posta en marcha pola Garda Civil no ano 2012.

Os cinco primeiros arrestados, tres de nacionalidade española e dous portugueses, quedaron en liberdade con cargos tras ser postos a disposición xudicial no xulgado de garda de Xinzo.

Estes novos detidos, tres individuos de etnia xitana e veciños de Xinzo de Limia, así como a muller imputada, veciña de Trasmiras, todos eles acusados dun delito continuado de roubo con forza, foron postos en liberdade tras prestar declaración xudicial.

A todos eles impútanselles varias subtraccións en explotacións de gando situadas nos lugares de Morgade, Vilariño, Damil, Gudes e Cualedro, na zona de Xinzo, entre finais de 2012 e maio de 2013 e nas cales foron subtraídas 112 cabezas de gando, valoradas en 128.000 euros.

A primeira denuncia produciuse o 14 de decembro de 2012, cando os ladróns se apoderaron de trece tenreiros nunha granxa de Morgade.

Actualmente, a operación continúa aberta polo que non se descartan máis detencións. 

Comentarios