A Policía Nacional detén a un mozo en Santiago tras roubar unha bicicleta hai dous anos

Outro home foi detido este luns polos axentes na capital galega polo presunto roubo dun móbil que se atopaba dentro dunha furgoneta de repartición

Axentes da Policía Nacional detiveron en Santiago a un mozo acusado dun delito de furto, tras substraer unha bicicleta e tratar de revendela. Os feitos que se lle atribúen foron denunciados en marzo de 2014, cando unha bicicleta que se atopaba no centro histórico de Santiago, valorada en 2.500 euros, foi substraída.

O agora detido acudiu a unha tenda de bicicletas do ensanche para intentar vendela, mostrándolle ao responsable unhas fotografías da bicicleta no seu teléfono móbil. Nese momento, o responsable do establecemento recoñeceuna como a bicicleta dun cliente que fora substraída.

Así, manifestoulle ao vendedor o seu interese na mesma, emprazándoo a acudir ao día seguinte coa bicicleta para formalizar a venda. Tras constatar co propietario que se trataba da bicicleta furtada, ambos puxéronse en contacto coa Policía, que detivo ao home. O detido é un mozo de 36 anos, con antecedentes policiais, que foi posto a disposición do Xulgado de Instrución en funcións de Garda.

OUTRO FURTO EN SANTIAGO. Por outra banda, os axentes detiveron tamén en Santiago a outro mozo por un delito de furto, ao que acusan de substraer un teléfono móbil de dentro dunha furgoneta de repartición.

Os feitos sucederon este luns e foi a propia vítima a que achegou aos axentes a descrición do presunto autor, xa que o viu abandonar correndo o lugar.

O detido é un mozo de 21 anos, que conta con numerosos antecedentes por feitos similares, tanto en demarcación policial como da Garda Civil; e que foi localizado e detido a mañá do mércores.

Comentarios