Rescatan aos cinco tripulantes dun pesqueiro que se afundiu en Ribeira

A embarcación sufriu o naufraxio ao leste da illa de Sálvora durante a madrugada

Salvamento Martítimo rescatou aos cinco tripulantes dun pesqueiro que se afundiu nas proximidades do municipio coruñés de Ribeira, informa a Axencia Galega de Urxencias.

A embarcación afundiuse ao leste da illa de Sálvora esta madrugada e o 112 tivo constancia do suceso ás 1.30 horas, cando recibiu aviso de que as cinco persoas que ían a bordo estaban nunha balsa.

Un helicóptero e un barco de Salvamento Marítimo dirixíronse ao lugar e rescataron aos cinco tripulantes, que non necesitaron asistencia sanitaria.

Unha ambulancia desprazouse ata o porto de Cambados onde o persoal sanitario valorou o estado dos tripulantes nun suceso no que tamén colaborou o Servizo de Gardacostas de Galicia e a Garda Civil.

Comentarios