Enfróntase a 14 anos de prisión por intentar matar a un home da Teixeira

Asestou, supostamente, catorce puñaladas a un veciño da mesma localidade ourensá en novembro de 2010

Un home, acusado dun delito de tentativa de asasinato, enfróntase a unha pena de 14 anos de prisión por, supostamente, asestar varias puñaladas a un veciño da mesma localidade, na Teixeira (Ourense), en novembro de 2010. En concreto, a Audiencia provincial de Ourense reservou este mércores e xoves para o xuízo contra o acusado Antonio Diéguez, veciño de Abeleda, na Teixeira, a quen se lle acusa de intentar matar a un viticultor o 21 de novembro de 2010.

Segundo recolle o escrito da acusación pública, acusado e vítima "increpáronse mutuamente ao cruzarse nun camiño". Os feitos sucederon na localidade de Nogueira, Abeleda (A Teixeira), en novembro de 2010.

Ademais da petición de cárcere, a fiscalía solicita para o acusado que indemnice á vítima con 84.000 euros, e con 6.750 ao Sergas. Procede do xulgado nº1 da Pobra de Trives.

Tanto o agredido, de 56 anos, como o agresor, de 48, ambos os naturais deste concello, mantiveran algún enfrontamento previo, tal e como sinalaron entón fontes da investigación. Por mor das lesións, a vítima foi trasladada ao Complexo Hospitalario de Ourense (CHOU) en estado grave e o agresor foi detido.

Comentarios