Seis persoas feridas nunha colisión múltiple en Boiro

Cinco vehículos víronse implicados no choque ► Todos os seus ocupantes puideron abandonalos polo seu propio pé

Un accidente múltiple no que se viron implicados cinco vehículos sáldase con seis persoas feridas. Todas elas foron evacuadas a un centro hospitalario. O sinistro tivo lugar na estrada que vai a Bodión, á altura de Exipto, en Boiro. 

Ata o lugar desprazouse unha dotación dos Bombeiros cun equipo de excarceración, xa que nun primeiro momento indicouse que había persoas atrapadas. Finalmente, as seis vítimas puideron abandonar os seus coches polos seus propios medios. 
 
O 112 Galicia tivo constancia da situación ás 14.30 horas deste xoves, a través da alerta de Urxencias Médicas. Desde o Centro de Atención ás Emerxencias informouse aos Bombeiros de Boiro, ao Servizo Municipal de Emerxencias e a Protección Civil. A situación tamén foi posta en coñecemento da Policía Local e da Garda Civil de Tráfico. 

A circulación na zona viuse condicionada. De feito, a estrada tivo que permanecer cortada durante varias horas.

Comentarios