Sorprendidas dúas persoas na Coruña cando intentaban roubar nun bar

A muller tiña antecedentes, mentres que sobre o home pesaba unha orde de procura para o seu ingreso en prisión

Axentes do Corpo Nacional de Policía detiveron a dúas persoas na Coruña, tras ser sorprendidas cando intentaban roubar nun establecemento comercial nas inmediacións da avenida Salvador de Madariaga, segundo informa a Xefatura Superior de Policía de Galicia.

Os feitos ocorreron este luns de setembro, sobre as 4.20 horas da madrugada. Nese momento, recibiuse un comunicado indicando que viran a dúas persoas en actitude sospeitosa preto dun bar.

Un indicativo de paisano e en vehículo camuflado foi ron os primeiros en chegar, mentres que as outras dotacións pecharon as posibles vías de fuxida dos autores. Os policías sorprenderon a un home cunha pata de cabra na man, apalancando a porta do almacén dun bar. Mentres tanto e esperando ao seu lado, tapando a cara cun pano, estaba unha muller cunha mochila.

A muller, de 21 anos, xa fora detida nunha ocasión. O home, de 33 anos, tamén tiña arrestos anteriores. Sobre el, pesaba unha orde xudicial de procura, detención e ingreso en prisión, decretada por un dos xulgados desta cidade.

A investigación segue agora aberta para determinar a súa posible participación noutros roubos na cidade.

Comentarios